Noticias
A Mesa Local de Saúde de Redondela pon o foco na saúde mental

Esta semana reuniuse na Casa da Cultura a Mesa de Saúde Local de Redondela, da que forman parte o Concello e o Centro de Saúde de Redondela xunto cunha ducia de entidades e asociacións. Na xuntanza analizáronse e puxéronse en común as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades relativas á promoción da saúde na localidade. Participaron a Rede Galega Promoción Saúde (REGAPS), xunto con centros sociocomuntarios, centros de día, Asociación de Empresarios, centros de ensino, Anpas e outros colectivos de carácter social.
Os participantes coincidiron en identificar os problemas de saúde mental e a falta de recursos neste eido como unha das grandes ameazas para a saúde da nosa sociedade. Tamén se apuntaron outras como a saturación dos centros de saúde, os perigos das redes sociais, as adicións, o sedentarismo ou a falta de transporte público, especialmente nas parroquias. Entre as demandas das diferentes asociacións repítese a petición de máis apoio psicolóxico tanto para a infancia e adolescencia como para a poboación adulta, o que redundaría nunha mellor saúde mental. Tamén se reclaman máis recursos nos centros de ensino para a atención á diversidade e máis axudas para promover a saúde comunitaria e a conciliación.
Tamén se puxeron en valor as “fortalezas” de Redondela na promoción dunha vida saudable, como os abundantes recursos naturais para disfrutar ao aire libre, o forte tecido asociativo, tanto a nivel veciñal como cultural, os espazos comunitarios que existen nos núcleos urbanos e nas parroquias, ou a ampla oferta deportiva, entre outras vantaxes.
Unha vez recollidas todas estas análises, o diagnóstico da situación farase a través dunha ferramenta que valora como de saudables son as contornas relacionadas cos hábitos de vida (alimentación, actividade física, benestar emocional, cohesión social, sono,…). O concelleiro de Saúde, Alberto Álvarez, explicou que desta análise sairán as primeiras propostas de actuación. O seguinte paso serán facer unha guía con todos os recursos sociosanitarios e deseñar as accións que se van poñer en marcha.